lahaine.org
Nacionales Galiza :: 14/02/2015

A CIG inicia en Vigo unha campaña nacional para reclamar emprego e salarios dignos

CIG
Ao mesmo tempo, amosouse moi crítico co recente pacto social asinado por CCOO e UGT e a patronal española e insistiu en que “por esa vía non imos ter solucións”.

Delegados/as da central analizaron en asemblea a situación económica e laboral da comarca e saíron en manifestación até o hospital Xeral para rexeitar as privatizacións e os recortes na sanidade públicaA CIG celebrou onte en Vigo o primeiro dos actos incluídos na campaña nacional que a central vén de poñer en marcha para reclamar emprego e salarios dignos e que se desenvolverá ao longo deste ano, segundo anunciou o secretario xeral, Suso Seixo. Centos de delegados/as sindicais analizaron en asemblea a situación económica e laboral da comarca e a continuación saíron en manifestación cara ao hospital Xeral para rexeitar as privatizacións e os recortes que a Xunta do PP está a aplicar na sanidade pública galega

.

(Galería de imaxes)

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, foi o encargado de presentar o acto e de expoñer as liñas xerais do informe elaborado polo gabinete técnico de Economía da central nacionalista sobre a situación económica e laboral da comarca.

Gonçalves incidiu especialmente na elevada taxa de paro, na cada vez maior precarización do emprego, na desaparición de sectores chave para a bisbarra e no incremento da pobreza e da exclusión social como consecuencia das políticas que están a aplicar os Gobernos español e galego.

Fronte a isto, amosouse convencido de que “a capacidade de reacción e o poder do cambio está nas nosas mans” e apostou tanto pola mobilización como por achegar alternativas que permitan un maior crecemento económico e a creación de emprego de calidade. Citou en concreto a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) con 100 medidas que promoveu a CIG e que foi rexeitada no Parlamento galego polo PP.

Propostas concretas por comarcas e sectores

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG explicou que a campaña en defensa do emprego e dos salarios dignos -cuestión que Suso Seixo situou como principal problema da clase traballadora na actualidade- vaise prolongar durante 2015 e incluirá reivindicacións concretas en cada unha das comarcas do país e tamén atendendo aos distintos sectores produtivos.

O máximo responsábel da central nacionalista achegou tamén unha serie de cifras que amosan a situación de emerxencia que atravesa o noso país, “con máis de 300.000 persoas na pobreza e uns 200.000 empregos perdidos dende 2007”. Seixo incidiu en que o único colectivo de traballadores/as que medrou en Galiza foi o que ingresa arredor de 150 euros brutos ao mes, unhas 177.000 persoas.

Ao mesmo tempo, amosouse moi crítico co recente pacto social asinado por CCOO e UGT e a patronal española e insistiu en que “por esa vía non imos ter solucións”. Denunciou que as sucesivas reformas laborais perseguían unha baixada xeralizada dos salarios e os cambios na negociación colectiva buscaban debilitar a desposta da clase traballadora. “Agora queren modificar tamén a lei de folga”, advertiu.

Finalmente, lembrou que nos atopamos en ano electoral e subliñou que “o noso voto é importante para cambiar a correlación de forzas nos Concellos a favor de organizacións que defendan os intereses da clase traballadora e para desaloxar a quen está a aplicar estas medidas tan duras contra todos/as nós”.

Ao final da sesión abriuse unha quenda de palabras e interveu o secretario xeral do SUNCA (Sindicato Único da Construción e Afíns/PIT-CNT) e deputado do Partido Comunista do Uruguai, Óscar Andrade, que se atopa en Vigo para participar no Secretariado da Unión Internacional dos Traballadores/as da Construción e da Madeira (UITBB), federada na Federación Sindical Mundial (FSM), que se celebra este venres e sábado nos locais da CIG na cidade.

 A continuación os delegados/as sindicais saíron en manifestación cara ao hospital Xeral para reivindicar a defensa do sector público e rexeitar os recortes e as privatización que se están a aplicar na sanidade pública. A mobilización rematou diante do centro médico vigués coa lectura dun comunicado por parte do secretario comarcal da CIG.

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal