lahaine.org
Nacionales Galiza :: 15/04/2015

A práctica totalidade dos traballadores/as das contratas de Telefónica secunda a folga

CIG
A práctica totalidade dos traballadores/as das contratas de Telefónica secunda a folga indefinida contra a precarización laboral

O paro foi convocado pola CIG para reclamar o cumprimento dos convenios, a limitación da subcontratación en cadea e o recoñecemento do dereito á subrogación do persoalA práctica totalidade dos traballadores/as das contratas de Telefónica-Movistar en Galiza secundou a folga indefinida convocada a partir de hoxe pola CIG para rexeitar a crecente precarización e reclamar o cumprimento dos convenios, a limitación da subcontratación en cadea e o recoñecemento do dereito á subrogación do persoal. No primeiro día de paro centos de empregados/as mobilizáronse en distintos puntos do país para facer visíbel un conflito que ten continuidade no conxunto do Estado e que os medios de comunicación están a silenciar.

(Galería de imaxes mobilizacións Coruña, Vigo e Lugo)

Practicamente todo o persoal das arredor das medio cento de empresas que traballan para Telefónica realizando labores técnicas de instalación de redes e telefonía sumáronse ao paro indefinido promovido en Galiza pola federación de Industria da CIG, incluídos boa parte dos da cooperativa Montelnor e o 100% dos de Liteyca.

As provincias da Coruña e Pontevedra son nas que maior repercusión está a ter a protesta, con centos de traballadores/as mobilizados/as polas rúas para facer visíbel o conflito ante o silenciamento dos medios de comunicación.

Como consecuencia das primeiras horas folga quedaron sen atender máis de 1300 incidencias no conxunto do país, a maior parte delas avarías que ficaron pendentes de solucionar. Ao mesmo tempo, unha cantidade similar de ordes de servizo tampouco foron realizadas. Os traballadores/as lamentaron publicamente os prexuízos que o paro poida estar a ocasionarlles aos clientes, pero lembran que se atopan nunha situación insostíbel e reclaman solidariedade.

Durante a xornada leváronse a cabo actos de protesta nas cidades galegas, en especial en Vigo, na Coruña e en Lugo, con concentracións ás portas tanto das principais contratas e subcontratas como da propia Telefónica e manifestacións polas rúas. Ao mesmo tempo, repartíronse follas informativas entre a veciñanza para dar a coñecer as reivindicacións dos traballadores/as (cumprimento dos convenios, limitación da subcontratación en cadea e recoñecemento do dereito á subrogación do persoal) e os motivos da folga:

COMO NOS EXPLOTA TELEFÓNICA, POR QUE ESTAMOS EN FOLGA?

Somos traballadores/as de empresas subcontratadas de Telefónica-Movistar. Facemos o traballo técnico de instalación de redes e telefonía.

O noso traballo esixe desprazarnos por toda a provincia con xornadas de 11 e 12 horas diarias, tamén sábados. Con todo isto non cobramos o salario legal do convenio. A maiores temos que pagar o gasóleo e as comidas.

As empresas fan trampas nas nosas nóminas, descontándonos diñeiro do salario como anticipos que non cobramos. Cando un mes non alcanzas a produción mínima, por culpa dos desprazamentos ou moitas avarías, que non son responsabilidade nosa, descóntannos esta cantidade nos meses seguintes. A reforma laboral deste Goberno déixanos aínda máis indefensos/as.

Telefónica tivo uns beneficios próximos aos 4000 millóns de euros o ano pasado, pero explotan de xeito indecente aos que facemos o seu traballo. Por esta razón, logo de moitos anos soportando esta ilegalidade dicimos basta.

Estamos en folga dende o 14 deste mes en toda Galiza. Os servizos que presta Telefónica-Movistar quedarán afectados e si es cliente notarás esta incidencia. Lamentamos o prexuízo, estamos nunha situación insostible e pedimos a túa solidariedade.

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal