lahaine.org
Nacionales Galiza :: 23/03/2015

SOS-Sanidade Pública: 'Os cortes matam'

Diario Liberdade
A Plataforma em Defesa da Sanidade Pública, SOS-Sanidade Pública, convocou manifestaçons no passado dia 19 de março.

Galiza - Diário Liberdade - 

 

Foto de Galiza Contrainfo

Passado dia 19 houvo concentraçons em todas as áreas sanitárias galegas administradas polo Sergas - ficárom fora as comarcas de Eu-Návia, Vale de Íbias, Berzo e Seabra,, cuja administraçom corresponde aos órgaos do Principado das Astúrias e Junta de Castela - Leom.

Reprozimos a seguir o manifesto ao que se deu leitura nas concentraçons (na sua ortografia original, segundo enviado pola plataforma comarcal de Trasancos):

SOS SANIDADE PÚBLICA de GALICIA e esta Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrolterra denuncian que, coa chegada do Sr Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos REPAGOS que tratan de impor ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o SERGAS reintegrará.

A Sanidade é unha necesidade, é un dereito. Ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobre levar a debilidade que nos produce, a sanear. E estes servizos sanitarios deben atendernos a todos e todas por igual, sen discriminacións nin desigualdades. A igualdade só se garante cunha Sanidade Pública.

Durante os últimos anos, o goberno da Xunta impulsou todo tipo de medidas que afondan no desmantelamento da Sanidade Pública:

• Están a provocar a descapitalización da Sanidade Pública:

- o recorte do orzamento sanitario en Galicia entre 2009 e 2014 foi do 12,3% o que supuxo unha perda total de 460 millóns de euros;

- eliminaron 2.094 postos de traballadores sanitarios e pecharon 275 camas hospitalarias. Mentres, o 48,8% do orzamento sanitario foi parar ao sector privado, e só o 7,1% foi para investimentos e funcionamento dos centros públicos.

• Os actuais gobernantes facilitan que a sanidade pública financie a investigación da industria tecnolóxica privada e dos laboratorios das multinacionais, e permiten que sexan estas as que decidan os aparellos a adquirir polo sistema público. A través dos Institutos Biomédicos de Investigación do SERGAS (Instituto Biomédico de Vigo e Instituto Biomédico de Santiago) a Banca e a Industria Sanitaria privada controlarán a investigación e a docencia e dificultarán calquera investigación que non estea de acordo cos seus intereses empresariais. Seguirán encarecendo o prezo dos medicamentos, dificultando ao acceso universal aos mesmos

• Implantación de copagamento nas prestacións sanitarias. Incrementando o sufrimento das persoas que non teñen recursos económicos para facerlles fronte, creando un imposto sobre a enfermidade. Fronte a esta situación a comisión de sabios do PP recomenda nun recente informe incrementar os REPAGO co argumento de que "a prestación gratuíta e xeneralizada dos servizos sanitarios non é o modo máis eficiente e xusto de actuar". De que xustiza nos están a falar?

• Peche de camas, recortes orzamentarios, taxas de reposición. Isto é o que impera na Sanidade Pública. Menos camas para ingresar os/as doentes, colapso dos servizos de urxencias.

Condénase a/o doente a entrar nunha porta xiratoria entre o seu domicilio e o servizo de urxencias. Recórtase o diñeiro destinado á Sanidade Pública, destrúense postos de traballo, reducindo a presenza dos/as profesionais que fai inviable unha prestación de calidade.

E logo inda nos veñen con contos propagandísticos cando falan das listas de espera. As listas de espera son grandes e medran día a día, por causa dese peche de camas, pola mala xestión que se está a facer e tamén porque pensan que nos enganan mantendo persoas en listas de espera ocultas. As listas de espera experimentaron un incremento substancial de forma que en catro anos a espera cirúrxica media pasou de 71 a 83 días.

A Lei de Garantías é a expresión do fracaso das políticas sanitarias do PP. Intégrase nun mesmo nivel e nun mesmo sistema a Sanidade Pública e privada. Di o Sr. Feijóo que a prestación sanitaria recibida nun centro privado tamén é pública, xa que as/os doentes non pagan a maiores por esta asistencia. De futuro isto vai dificultar o desenvolvemento dos principios que deben presidir o sistema sanitario público.

Tamén queremos denunciar o carácter discriminatorio e o impacto negativo que a Reforma Sanitaria ,Lei 16/2012 está tendo na nosa comarca dende hai case tres anos sobre a atención sanitaria aos inmigrantes en situación irregular administrativa e en especial na saúde das mulleres sobre todo privadas na atención xinecolóxica . Mulleres que ademais non levan aos seus fillos/as ao médico por temor a ser denunciadas.

Feijóo garantiu a "Cobertura sanitaria de todos/as e os inmigrantes irregulares en o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública" que é ao noso entender un programa DISUASORIO e que pon en risco a saúde de moitas persoas e que non é coñecido polos administrativos. Polo tanto a súa única posibilidade de atención é a Urxencia hospitalaria, a que esixe á súa chegada ao centro a tarxeta sanitaria. Ao non tela, deben PAGAR os servizos de atención médica, nada máis. Isto provoca que a persoa doente si non ten diñeiro vaise e aquel que decide quedar debido á gravidade da súa saúde, recibe na súa vivenda a factura sanitaria a pagar en dez días.

As políticas neo-liberáis de axuste, privatizacións de servizos e RECORTES da Administración da Xunta de Galicia fai un efecto demoledor na atención sanitaria pública galega que leva ao sufrimento e desprotección de sectores sociais como os enfermos de HEPATITE C, a falta de AUTO-INXECTORES para os enfermos de ESCLEROSE ou persoas con baixos recursos que non poden comprar as súas medicinas motivada as políticas de Recortes. Os afectados/as de HEPATITE C está sufrindo as consecuencias de deterioro físico pola falta de administrar os anti-víricos necesarios para a súa supervivencia que nalgúns casos chegaron tarde coa conseguinte resultado mortal de varios/as compañeiros/as. Estes casos están sendo denunciados ante a fiscalía por se houbera lugar responsabilidades políticas e penais.

En Ferrol nos atopamos coa circunstancia de que no ano 2008 o SERGAS absorbe o Hospital Naval, supostamente para ampliar a atención sanitaria que se lle dá á poboación. Lonxe diso, o que acontece e que moven os Servizos do Hospital Novoa Santos ao Naval, diminuíndo incluso o número de camas e quedándonos con dous hospitais fantasmas que funcionan a medio, ou incluso case nulo rendemento. Chegan a dotar de material una segunda planta de medicina interna con 32 camas, que posteriormente inauguran no ano 2010 sen dotar de persoal e nunca se chega a utilizar. Cando se sofren colapsos en urxencias dende a administración se alega que son casos puntuais, que en 24 horas terán cama. Pero a realidade é que por non contratar persoal non abren unha pranta que solucionarían estes colapsos.

Os Servizos de Urxencias do Hospital Arquitecto Marcide están COLAPSADOS con enfermos polos corredores, cando temos unha segunda Planta do Hospital Naval perfectamente equipada, a cal continúa pechada con ducias de camas baleiras. Ante esta situación, a cidadanía observa unha falta de resposta e nula xestión da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, sendo xustificada polo Presidente da Xunta de Galicia. Núñez Feijoo.

Non se fan coberturas en Atención Primaria, porta de entrada ao sistema sanitario, chegando a xerar listas de espera dunha semana para unha primeira atención médica.Seguimos agardando pola construción dos centros de saúde prometidos. E no caso dos que sufriron reformas, como o de Serantes, non se pode recoller a obra por ter moitos defectos, o que demostra como son as licitacións das obras que fai o Sergas e a vixianza desas obras.

Continuamos a non ter un servizo de Raios que funcione a pleno rendemento en quenda de tarde. Por non contratar profesionais que atendan este servizo, se desvían ós pacientes a centros concertados nos que ademais pagamos un aluguer por un aparataxe que nós temos parado.

Así mesmo, continúan a privatizar servizos, facendo un desvío de cartos públicos a empresas privadas. Como é o caso do servizo de suministros que era eficaz e eficiente, o externalizaron coa central de compras en Negreira, polo que nos perdemos o noso abastecemento pasando a mans privadas para o seu lucro. Privatizan os servizos de mantemento, deixando en mans privadas o coidado das nosas instalacións, coa conseguinte baixada de calidade nas reformas e no mantemento de moito aparataxe.

Coincidimos co Informe da Comisión Galega de Bioética, onde expresa de forma concluínte a súa desconformidade coas políticas do SERGAS, alegando as DESIGUALDADES no acceso a sanidade pública, cuestionando os principios de equidade, universalidade e gratuidade. O comportamento da Conselleira de Sanidade resulta escandaloso e impropio por tratar de esconder estes informes nun exercicio de OCULTISMO POLÍTICO e falta de criterio de calidade política ante as dimisións por parte da metade dos membros desta Comisión.

Tampouco é casualidade o CESE da Ministra de Sanidade, Ana Mato, motivado por súa nula capacidade de xestión política e manifesta INCOMPETENCIA con o presidente de goberno, Mariano Rajoy tratando de aguantala no seu cargo ate límites insostibles, moi propio e coñecido polo seu inmobilismo político.

"Sr. Presidente da Xunta, Sra. Conselleira, esta mobilización prodúcese en todas as Áreas Sanitarias de Galicia co obxecto de DEFENDER a SANIDADE PÚBLICA.

A Sanidade Pública é patrimonio universal da cidadanía, por isto non imos consentir que a privaticen, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor. Esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos, esa é a súa meta: eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas. Pero a sociedade galega seguiremos a mobilizarnos até recuperar unha sanidade pública universal e de calidade.

Non imos consentir que fagan negocio coa nosa saúde.

A Sanidade Pública finánciase cos nosos impostos, e a obriga dos gobernantes é XESTIONALA de forma PÚBLICA. Non teñen ningún dereito a privatizar a sanidade pública, nin a facer negocio coa nosa saúde, o goberno do PP só é un xestor provisional dos servizos públicos.

Esta Plataforma en Defensa da Sanidade pública de Ferrolterra pide a DIMISIÓN da Sra. Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera e REPROBAMOS publicamente ao Sr. Presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo, polo que esiximos un cambio radical nas políticas da Sanidade pública galega, tal e como indica a Comisión Galega de Bioética.

OS RECORTES MATAN

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal