lahaine.org
Nacionales Galiza :: 13/05/2015

Traballadores de Ambulancias do Eume suspenden as horas extras en protesta polos atrasos salariais

CIG
O persoal sufre continuos atrasos no cobro dos salarios e nestes momentos a empresa ten pendente de pagarlle as nóminas de xullo, agosto, setembro e outubro do pasado ano

A empresa, que presta o servizo do 061 en Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero, está en concurso de acredores

A FGAMT-CIG compareceu este martes en rolda de prensa para informar da situación laboral que están a padecer os traballadores de Ambulancias do Eume, que presta o servizo do 061 en Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero. O persoal sufre continuos atrasos no cobro dos salarios e nestes momentos a empresa –que está en concurso voluntario de acredores- ten pendente de pagarlle as nóminas de xullo, agosto, setembro e outubro do pasado ano.    


Ambulancias do Eume presta o servizo do 061 nos Concellos de Ares, Mugardos, Cabanas, Monfero e Pontedeume.

O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, acompañado de Francisco Cartelle, explicou que a nefasta xestión do empresario e a acumulación de débedas coa Seguridade Social, Facenda, os traballadores, os provedores e incluso coa UTE na que está integrada, levaron á situación concursal actual.

Porén, dende que o pasado mes de febreiro o administrador nomeado polo Xulgado do Mercantil da Coruña se fixera cargo da xestión de Ambulancias do Eume, os atrasos no pago dos salarios continúan. “E iso que o administrador se comprometeu coa CIG e co delegado de persoal a que o abono das nóminas se ía facer puntualmente”, apunta Pastoriza.

A este respecto engade que, a pesar de que a Fundación 061 ingresou o pasado 18 de abril as cantidades correspondentes aos servizos de marzo, “non foi até hoxe que o administrador ordenou o ingreso dos salarios, curiosamente o día que tiñamos convocada rolda de prensa. Este tipo de atrasos inxustificados non os entendemos”, critica.

Aos atrasos, haille que sumar as catro nóminas que a empresa aínda ten pendentes de pagar, correspondentes aos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2014. Sobre isto, Xesús Pastoriza indicou que o administrador concursal tamén se comprometeu hai un mes a entregar as certificacións aos traballadores para que poidan acudir ao FOGASA reclamar as cantidades, “pero segue sen facilitalas”.

Medidas de presión

Á vista dos reiterados incumprimentos, os traballadores acordaron unha serie de medidas para facer fronte a unha situación que cualifican de “insostíbel”. En primeiro lugar, vanse persoar no Xulgado do Mercantil 1 da Coruña poder acceder a toda a documentación relativa ao proceso, mais tamén para trasladar as queixas polas actuacións do administrador nomeado. “E non descartamos pedir a súa revogación”, advertiu o representante da CIG.

Doutra banda, os traballadores van suspender a realización de horas extraordinarias. Decisión que comunicarán mediante escrito ás partes implicadas: empresa, 061, UTE e administración concursal. A negativa a traballar por riba da xornada mensual máxima estabelecida (160 horas ordinarias e 50 de presenza) podería supor “que cara a finais de mes a ambulancia quede inoperativa e o servizo de urxencias sanitarias de Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero sen cobertura”.

Neste senso, Pastoriza subliñou que até o de agora o servizo foi atendido á perfección porque “o persoal estivo facendo traballo moi por riba do que lle corresponde. Pero a situación é insostíbel: débenlle salarios, dietas, horas, sofren atrasos nos cobros e mesmo se atopan con problemas para coller as vacacións”.

Para garantir o respecto das condicións dos traballadores e a prestación do servizo de  transporte sanitario urxente nesta zona,  dende a FGAMT-CIG demándase a intervención inmediata tanto da Fundación 061 como da Administración concursal “e que non continúen permitindo esta situación na empresa”. 

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal