Principal |
Nacionales Galiza :: 13/01/2022

A CIG mobilizarase o 30 de xaneiro por todo o país contra a reforma laboral

Nós Diario
"Esta 'non reforma' non é máis que unha actualización da normativa previa para adaptala ao marco do plan de recuperación da crise capitalista deseñado pola Unión Europea'

A CIG mobilizarase o 30 de xaneiro por todo o país contra a reforma laboral

"Esta 'non reforma' non é máis que unha actualización da normativa previa para adaptala ao marco do plan de recuperación da crise capitalista deseñado pola Unión Europea baixo a marca 'Next Generation'", di Paulo Carril. Mobilización da CIG en 2020 contra a precariedade laboral 

CIG convocará unha xornada de mobilizacións en todas as cidades galegas para o domingo 30 de xaneiro, "en rexeitamento á fraude que supón a nova reforma laboral", así como para exixir a derrogación de todas as reformas impostas desde 2010.

Aliás, o día en que decorra o Pleno do Congreso no que se convalide o real decreto-lei desta nova norma, previsibelmente o 3 de febreiro, o sindicato concentrarase fronte á Delegación do Goberno estatal na Coruña e nas subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Así o anunciou a CIG nas asembleas de delegados e delegadas que se realizaron esta quinta feira en todas as comarcas do país "para avaliar as modificacións normativas e debater as accións a desenvolver" para garantir a "derrogación íntegra e real" das reformas laborais e "avanzar na conquista de novos dereitos que fortalezan a clase traballadora nun momento de crise, explotación e crecemento da precariedade".

Para a forza sindical galega, o acordo entre os axentes sociais e o Goberno estatal, liderado nas negociacións pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, "non permite a restitución dos dereitos roubados nin gaña outros novos, xa que se manteñen intactos os aspectos máis lesivos da brutal lexislación aprobada polo PP en 2012 e que xa fora iniciada en 2010 polo PSOE".

"Esta 'non reforma' non é máis que unha actualización da normativa previa para adaptala ao marco do plan de recuperación da crise capitalista deseñado pola Unión Europea baixo a marca Next Generation", advertiu o secretario xeral da organización, Paulo Carril.

A ollos da CIG, a reforma laboral "nin recupera a indemnización por despedimento nas contías previas, nin os salarios de trámite, nin a autorización administrativa dos ERE", ao tempo que "mantén os recortes nas coberturas do FOGASA e afonda na centralización das relacións laborais, facendo prevalecer de forma moi agresiva os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos para regular as condicións de traballo, como son os ERTE".

A maiores, incidiu o sindicato, "foméntase a precariedade a través dos novos contratos formativos, polo que a pouca mocidade galega que non teña emigrado será carne de canón da explotación laboral, co complemento perfecto deste 'cóctel molotov' que é a aprobación da Lei orgánica de Formación Profesional". A través desa "falsa formación dual para integrar a mocidade no mundo do traballo", lamentou, "o que se busca é precarizar as condicións laborais da xente nova, que seguirá tendo baixos salarios".

https://www.nosdiario.gal/articulo/traballo/cig-mobilizarase-30-xaneiro-todo-pais-reforma-laboral/20220113123808135600.html

 

Enlace al artículo: https://www.lahaine.org/fZ9D