Principal |
Nacionales Galiza :: 23/11/2014

A CIG manifesta a súa solidariedade con ELA e LAB

CIG
La centran sindical galega CIG muestra su solidaridad hacia ELA y LAB

A CIG vén de ter coñecemento da denuncia que este venres facía pública o sindicato LAB quen, tras ter acceso a un documento de Confebask, alertou de que esta Confederación de Empresarios tería pedido ao goberno que se abran as vías para a  ilegalización tanto de LAB como de ELA e que sexan expulsadas “do ámbito das relacións laborais”. A CIG considera que, de ser certo este documento, Confebask estaría vulnerando dereitos fundamentais como o da liberdade sindical. Por iso manifesta a súa solidariedade cos sindicatos nacionalistas vascos e entende que a xustiza debería actuar contra quen atenta, até tal punto, contra principios democráticos.

Segundo denunciou a súa secretaria xeral, Ainhoa Etxaide, LAB recibiu este documento de oito páxinas no que se recollen as alegacións presentadas por Confebask ao borrador dun Proxecto de Real Decreto que ‘actualizaría’ o regulamento da Lei de Liberdade Sindical no referido ao depósito de Estatutos de organizacións sindicais e empresariais.

Nese documento a patronal vasca amosa o seu “acordo substancial” co borrador do goberno mais acrecenta, entre outras, a proposta de que se engada un artigo que “permita que, de oficio ou a instancia de parte, poida promoverse esa ‘baixa’ na Oficina cando se constate e probe a distorsión entre o declarado nos estatutos e o exercicio na realidade”.

Neste sentido, no propio documento recoñécese a dificultade para facer efectiva esa baixa e por iso proponse como alternativa que “só poida ser adoptada por decisión xudicial, instada de oficio ou por parte interesada””.

A patronal vasca explica, para xustificar o seu “especial interese” pola introdución deste aspecto, que “é sobradamente coñecida a estratexia do sindicato maioritario no país Vasco, ELA, á que están arrastrando ademais ao terceiro sindicato, LAB, con quen suman preto do 60% da representatividade sindical”. Abundando no asunto, Confebask afirma que “xa non é que se neguen a practicar o diálogo social ou que leven moitos anos ausentes dos órganos e consellos de participación institucional. É que, por unha banda, entraron na dinámica de boicotear (con éxito) que exista e se practique polo resto de axentes dito diálogo social”.

Entende Confebask que ELA e LAB dedican parte dos seus esforzos a cuestións alleas aos “fins que lle son propios”  como sindicatos e que ante isto “non deberían…poder condicionar e mesmo anular a actividade propia das organizacións empresariais e sindicais que si o son realmente”.

A CIG comparte o modelo non pactista destas centrais sindicais e a denuncia feita por LAB, a través da súa secretaria xeral, Ainhoa Etxaide, quen afirmou que, deste xeito, a patronal vasca “pretende impor un modelo franquista no que só actúen as centrais que eles determinen e, o máis alarmante é que se o propoñen é porque estiman que hai un contexto político que vai aprobar isto”.

 

Enlace al artículo: https://www.lahaine.org/eM54