Principal ImprimirImprimir | Volver al artículo
11/05/2015 :: Nacionales Galiza

“Sen traballo e sen o dique, a comarca vai a pique”

x CIG
Miles de persoas manifestáronse en Ferrol para esixir carga de traballo e na defensa do futuro da comarca

Miles de persoas saíron ás rúas de Ferrol este domingo ao berro de “sen traballo e sen dique a comarca vai a pique”. Acudían convocadas polos Comités de Navantia e a industria auxiliar, sabedores de que este sector é o motor económico da bisbarra, do que dependen 17.000 empregos. Con esta mobilización, o naval irrompe na campaña electoral para facer fronte á propaganda do PP, que dende hai meses vén trasladando á opinión pública a mensaxe de que a problemática pola falta de carga de traballo está resolta.

Galería de imaxes da manifestación

“A cidadanía está recibindo continuamente esa información interesada, con noticias sobre o inicio da construción do BAM, o contrato con Gestamp, da eólica mariña, dos gaseiros, etc. Unha carga de traballo que a día de hoxe non existe”, aseveraba ao inicio da protesta o responsábel da Sección Sindical da CIG en Navantia Ferrol, Marcelino Amado.

Fronte a esta intoxicación mediática, as centrais sindicais con presenza nos comités entenderon “que tiñamos que seguir mobilizándonos pola carga de traballo e desmontar as mentiras do PP, que leva catro anos enganando a poboación nas cuestións relacionadas co naval, dende a construción dique até a carga de traballo”. De feito, a finais da semana pasada facíase pública a sinatura o contrato con Turquía para o deseño dun buque, “cando levamos dous anos con este contrato enriba da mesa”.

Porén, a carga de traballo real nos estaleiros concéntranse en Carenas, un mercado á alza, pero en obra nova –a área para a que chegan promesas e máis promesas da man de cada período electoral- só existe o flotel, que vai a un ritmo lento pola “desorganización organizada” da dirección de Navantia, e mais o BAM. Neste último buque estase traballando na quilla, pero aínda están sen subcontratar a maioría dos bloques. Esta lentitude, valorou o representante do persoal, “lévanos a pensar que van secuenciar a construción do BAM en función dos períodos electorais, porque ten un tempo de execución anormal (até o ano 2018) para un barco dese tipo, que se remata en ano e medio”.

Precarización do emprego e sen novas do dique

“Hai 400 traballadores/as escasos da industria auxiliar dos máis de 1.000 postos que se prometeran. É unha situación catastrófica”, aseverou o responsábel da Sección Sindical da CIG. Alén da falta de emprego, Amado denunciou as precarias condicións que padecen os/as operarios/as de nova contratación das auxiliares, xa que as empresas non están a respectar os acordos laborais e retributivos asinados en 2001 e que rexen dentro dos estaleiros. “Non é só que haxa pouco traballo, senón que por riba está precarizado”, lamentou.

A respecto do comprometido dique, Amado indicou que “non sabemos absolutamente nada. O único que coñecemos son as escusas que puxo o PP en función da resposta á pregunta mal formulada que se presentou en Bruxelas”. Non obstante, o persoal segue a reivindicar o flotel como peza fundamental de futuro. Unha demanda avalada pola elevada ocupación da área de reparacións.

A construción do dique, e así o entenden tamén os propios técnicos/as de Carenas, daría carga de traballo actual, pero de cara ao futuro permitiría manter a ría de Ferrol na primeira liña do mercado de reparacións, acollendo os buques de maior envergadura que se están a construír tras da ampliación da canle de Panamá. Ante isto, Amado advertía que “entrar no mercado de reparacións é moi complicado, pero podes quedar fóra en 15 días”.

Manifesto polo futuro da comarca

A manifestación rematou na Praza de Armas, como é habitual. Alí a actriz Isabel Risco foi a encargada de dar lectura ao manifesto dos comités, no que se denunciaron as mentiras do PP e a falta de compromiso real dos gobernos galego e español coa comarca.

Fronte as promesas baleiras, os comités demandan:

-A posta en marcha inmediata do proxecto da F-110, a construción dun dique para consolidar o futuro de reparacións así como carga de traballo no sector civil.

-Cumprimento dos acordos de mínimos asinados para a Industria Auxiliar, “porque esiximos traballo, pero esiximos traballo en condicións dignas, no século XXI non podemos consentir condicións laborais do século XIX”.

-Esiximos tamén o deseño dun Plan Industrial que asegure e reforce a empresa a longo prazo, no que é imprescindíbel a incorporación de mozos e mozas, sen que isto signifique unha redución de emprego.

Xunto a isto, na perspectiva das eleccións municipais do 24 de maio, instouse “a cidadanía á reflexión serena e a que depositen a súa confianza nas organizacións dispostas a enfrontar as políticas do PP, que aposten claramente por unha política de esquerdas e en beneficio da maioría social galega. Aquelas organizacións que teñan claro que a única maneira de saír desta crise pasa por unha aposta decisiva polos nosos sectores produtivos básicos, como é o naval”.

 

https://galiza.lahaine.org/lsen-traballo-e-sen-o