Principal |
Nacionales Galiza :: 30/06/2019

A CIG rexeita a persecución e criminalización do nacionalismo ao abeiro da 'operación lusista'

CIG
A central denuncia o ‘show’ mediático montado arredor das detencións

A Confederación Intersindical Galega considera un show mediático a información referida á operación 'lusista' na que so pretexto da detención de supostos membros dunha organización “terrorista” se aproveita para reforzar a campaña, desde hai anos orquestrada polo aparello do Estado, para criminalizar o nacionalismo no seu conxunto. Máis cando se articula arredor dunha patraña, porque en Galiza non existe ningunha expresión de loita armada que puidera ser considerada como tal.

A central sindical manifesta o seu rexeitamento ao linchamento público que medios e institucións veñen facendo das persoas detidas, vulnerando calquera caste de principio democrático ao non respectar, nin no fondo, nin nas formas, o principio de presunción de inocencia que constitúe un piar básico do sistema penal de calquera Estado que se diga democrático. Un principio que establece que toda persoa imputada ten que ser tratada como inocente até que haxa sentenza firme, non só por parte dos poderes públicos, senón tamén nos medios de comunicación.

Do mesmo xeito manifesta o seu rexeitamento á chamada lei antiterrorista que prevé que os presuntos delitos relacionados con esta cuestión pasen a ser xulgados pola Audiencia Nacional. Un tribunal de orixe franquista, sucesor do Tribunal de Orde Pública, que responde aos intereses políticos e ideolóxicos dos poderes do Estado.

Unha lei que foi cuestionada non só no Estado español, senón mesmo a nivel internacional, por vulnerar os dereitos fundamentais e que permite manter ás persoas detidas até cinco días sen poñelas a disposición xudicial, incomunicadas e sen dereito a asistencia xurídica durante ese período.

Unha lei que a CIG exixe que sexa derrogada, porque está sendo utilizada, ao igual que a Lei Mordaza ou a Lei de Partidos Políticos, como coartada para perseguir a persoas ou organizacións disidentes ou que cuestionan e se mobilizan contra as políticas emanadas do actual modelo económico neoliberal.

Campaña de negación da realidade plurinacional

Para a CIG é intolerable ademais a campaña de negación da realidade plurinacional existente no Estado español. Unha campaña que pretende a laminación non só daquelas organizacións políticas, sociais e sindicais que defenden o dereito a ser e existir das nacións sen Estado, senón que mesmo conculca principios tan básicos nun sistema democrático como o pluralismo político, cultural ou lingüístico. Dereitos humanos fundamentais que día si, día tamén, vemos como son, non só cuestionados, senón tamén negados, na procura da súa tan ansiada uniformización e asimilación dos pobos da península, para concluír así o seu proceso de colonización.

 

Enlace al artículo: https://www.lahaine.org/fO2J