lahaine.org
Galiza :: 09/02/2013

Comunicado do Comité Local da CNT de Compostela sobre a detención do noso compañeiro

CNT Galiza

Despois de día e medio de detención, dun rexistro desproporcionado do seu domicilio e de prestar declaración nos xulgados de Fontiñas, o militante da CNT de Compostela foi posto en liberdade na noite de onte baixo a acusación de desordes e danos producidos durante a xornada de folga do 14 de Novembro e coa obriga de se apresentar os días 1 e 15 de cada mes nos xulgados de Fontiñas.

Resulta absolutamente ilóxico para as mentes das persoas, pero normal e propio dun réxime dominado pola dictadura do capital e pola violencia dos diferentes exércitos (policías públicas e privadas, gardas civís, encarapuzados dos que non sabemos a que corpo pertencen) cuxa misión non é outra que manter a dominación económica e social que padecemos, que se poida deter a unha persoa por uns feitos acontecidos tres meses antes, uns feitos que revisten tan escasa importancia que adoitan resolverse co envío dunha citación ao domicilio. Resulta aberrante, pero cada vez máis cotiá, que un domicilio particular poda ser asaltado por encarapuzados para atopar o que corresponde a un militante de todas as luitas sociais de valor: libros e panfletos. Resulta até repugnante, pero xa estamos acostumados, que se poida someter a seguimentos desproporcionados, escuitas continuas, a todo tipo de invasión nas nosas vidas (que, por contra das súas, si merecen a pena ser vividas), como estamos a sufrir os militantes da CNT e de todas cantas organizacións sindicais e políticas e movementos sociais da cidade pensamos que outro mundo é posíbel e actuamos para derrubar este mundo actual.

Pero resulta ridículo pensar que toda esta parafernalia intimidatoria poda ter algún efecto que non sexa de reafirmación, tanto nunha persoa comprometida cuns ideais de xustiza social, solidariedade, emancipación, e liberdade, e que é sobradamente coñecido, respetado e querido polo conxunto das organizacións e movementos sociais de Compostela, e de quen na CNT estamos profundamente orgullosos de poder chamar compañeiro, como nunha organización que leva máis dun século defendendo a organización obreira cun horizonte revolucionario. Se a actuación da CNT é molesta, a CNT vai redobrar a súa actuación nos ámbitos sindical e social sen nengún medo, sen admitir nengunha coacción nen intimidación.

Como tamén resulta ridículo crer que este tipo de persecucións e detencións como as que veñen practicando os efectivos da policía e da garda civil nos últimos anos contra calquera organización ou movemento social que se destaque e que, polo tanto, constitúa un perigo contra a dominación do capital e o patriarcado, poda ter algún efecto exemplarizante. Onte, como en tantas outras ocasións con detencións deste tipo, déronse cita ao longo do día en diferentes actos de protesta e solidariedade militantes e simpatizante de todo o tecido asociativo de Compostela, unidos nun berro único: Aquí estamos, nós non temos medo, un berro que non é so un desafío a calquera acto de autoridade ou represión que padezamos, senon unha afirmación de que a nosa presenza na rúa ten unha única finalidade, mudar o mundo desde a base e construilo sobre a liberdade integral de todas as persoas, e de que a nosa presenza na rúa sera permanente, que non decairemos nas nosas luitas entanto non consigamos o noso único ideal, a liberación dun sistema asasino, que nos condena á miseria e á escravitude, como é o capitalismo.

Efectivamente, aquí estamos, nós non temos medo.

En Compostela, a 7 de Febreiro de 2013
O comité local da CNT-Compostela

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal