lahaine.org
Galiza :: 19/12/2018

Demandan investigación a fondo de denuncia por graves malos tratos a preso en Teixeiro

EsCULcA

Con data 15 de decembro, EsCULcA enviou queixa ao Defensor del Pueblo en que demanda medidas urxentes para investigar e pór fin aos malos tratos que recibe P.E.G., preso no cárcere de Teixeiro sobre cuxa situación o Observatorio xa enviara Queixa a principios do presente ano. Agora, máis unha vez, EsCULcA denuncia que P.E.G. podería ter sido vítima de trato inhumano e violentas agresións perpetradas por funcionarios do penal que parecen confiar na súa impunidade.

Relato dos feitos

No pasado día 8 de novembro do presente ano, o Equipo Técnico da Prisión acordou propor á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias a continuidade do penado no Centro Penitenciario de Teixeiro.

Esta resolución foi comunicada ao penado no día 24 de novembro, á volta das 13:30 horas, cando se encontraba de garda un funcionario que trata P.E.G. con manifesta animosidade.

No momento de lle ser entregada a comunicación através das grades da cela, o citado funcionario indica a outros dous, que estaban controlando o reparto da comida, que o único xeito de conseguir que P.E.G. abandone Teixeiro é provocar un incidente con eles. Este funcionario -que P.E.G. identifica como “D. Pablo” e describe como individuo á volta dos 40 anos, careca na parte anterior e superior da cabeza, altura entre 1,70 e 1,75 m, corpulento- indica ao penado que sobre as 16,30 sairá ao patio.

Sobre as 15,00 horas, P.E.G. está na cela tomando un café, sentado na cama, cando se abre subitamente a porta e entran catro funcionarios con equipamento de capacete, porras, escudo e colete. Tamén entra, sen este equipamento, o xefe de servizo.

Logo de accederen á cela, os funcionaros deitan PEG ao chan a golpes e mallan nel con pancadas de porra, pontapés e pisotóns na cabeza. Despois alxeman o penado coas maos por diante.

A seguir, arrástranno fora da cela e continúan batendo nel no corredor da galería, onde hai instalada unha cámara de seguranza. Os internos da galería ven e ouven as pancadas que propinan ao penado os catro funcionarios através das fendas que separan as portas das celas da parede (todos eles ofrécense como testemuñas).

Entretanto, o funcionario identificado como “D. Pablo”, o mesmo que provocara a situación di ao penado: “Agora cando cheguemos onde non hai cámaras, vas ver o que é bó!”.

Cando o arrastan fora da galería, nunha zona en que hai un ángulo morto de gravación, colocan PEG boca abaixo, ao tempo que o funcionario xa referido di: “A ver o que aguantas…!”, pasando a defensa de goma nunha manobra de inmovilización ao penado para a colocar na súa garganta e, cun xoello nas súas costas, agarrar a porra por ambos os lados e comezar a puxar, momento en que, refere PEG, perdeu o coñecemento durante uns instantes.

Ao acordar, e despois de receber novas pancadas, agora tamén do Xefe de Servizo, concretamente na boca, e cando están na zona de acceso á Galería, PEG é arrastrado, neste momento coas maos alxemadas nas costas, despois de o funcionario identificado como “D. Pablo” dicir ao Xefe de Servizo: “Non, a unha cela en artigo 72 R.P. (isolamento provisorio) non, vamos levalo a ingreso para que prove “a cama!”.

PEG é arrastrado até o departamento de ingresos e subido en volandas até a cela número sete da primeira planta, en que hai unha cama con correas de inmovilización, onde o amarran boca arriba de pés e mans.

Ao cabo de vinte minutos aproximadamente, e calculando que serían as 16:00 ou 16:00 entra unha médica acompañada do Xefe de Servizo e outros funcionarios e pregunta a PEG como está. El indícalle que lle doe todo o corpo, que ten grandes dores no cuadriceps exterior da perna esquerda e moi especialmente no da perna dereita, o nocello e a cabeza. A médica examina PEG, baixalle o pantalón do chándal e comproba que ten un bulto pequeno no cuadriceps dereito, alén dos ollos ennegrecidos polos golpes e varias erosións na témpora esquerda.

Posteriormente aparece na cela un ATS que procede a inxectarlle un analxésico.

Pola noite, sobre as 12:00, preséntase outro Xefe de Servizo acompañado por varios funcionarios. Proceden a retirar a suxeición e levan PEG a outra cela de ingresos.

No día seguinte, sobre as 13:00 horas do 25 de novembro, entra na cela outro Xefe de Servizo con varios funcionarios, sinala o penado e este é conducido á súa cela no módulo de isolamento.

Comunicación con avogado

Seis días despois, no 1º de decembro, o avogado constata que PEG presenta hematomas na perna dereita, algunha zona ainda inflamada na cabeza e unha ferida na parte interna da queixada superior.

PEG lle di que solicitou copia do parte de lesións mais que lle indicaron que non fora cumprimentado. En concreto, na terza feira seguine aos feitos, o penado foi examinado polo Subdirector Médico en consulta ordinaria e ante a súa petición de que fose consignado o seu estado en parte de lesións, o facultativo contestou que el non vía lesión algunha.

Queixa de EsCULcA

No seu escrito, EsCULcA afirma que os feitos descritos supoñen infracción de dereitos fundamentais (dereito á dignidade e á integridade moral e física – arts. 10 e 15 da CE) e son de enorme gravidade por non haber xustificación algunha legal nin regulamentar para unha actuación tan desproporcionada e desmedida como a descrita por PEG.

Que este tipo de feitos acontecen con frecuencia no módulo de isolamento de Teixeiro é fenómeno ben coñecido da Defensoría del Pueblo. Moitas outras Queixas formuladas por persoas e asociacións e o Relatorio de 2017 do propio Comité para a Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa, que incorpora a descripción de malos tratos semellantes inflixidos a persoas presas por funcionarios no cárcere de Teixeiro na secuencia da súa visita ao penal en 2016, son documentos que a DP non pode ignorar.

Aliás, lembra EsCULcA no seu escrito, a Defensoría coñece tamén por outras vías as contínuas queixas formuladas polo uso de rigor innecesario no módulo de isolamento do cárcere de Teixeiro. Recentemente un artigo publicado nun medio de difusión estatal (El País) recolle feitos semellantes aos que se describen nesta Queixa do Obervatorio.

Todo isto leva EsCULcA a solicitar ao Defensor del Pueblo que abandone a vía burocrática habitual e non limite a súa actuación á simples solicitude de información á administración penitenciaria, que adopte unha posición proactiva e requira copias de grabacións, manteña entrevista reservada co penado e cos compañeiros de galería que testemuñaron parte da agresión denunciada e, en definitiva, que investigue a fondo o que acontece neste módulo de isolamento

Caso contrario, argúe EsCULcA, estes feitos continuarán producíndose co coñecemento da Oficina do DP, que ficará así irremediabelmente reducida a unha mera institución lexitimadora. “É lamentábel que un órgao integrado no Consello de Europa constate un padrón xeral de malos tratos sen que o Defensor del Pueblo adopte máis que unha posición meramente burocrática na tramitación das queixas por estes motivos”, conclúe.

Os servizos médicos

En relación coa actuación dos servizos sanitarios neste caso, EsCULcA solicita se abra expediente de inmediato para investigar por qué en consulta ordinaria non foi emitido parte de lesións axustado a dereito despois o interno ser examinado.

Queixa de EsCULcA

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal