lahaine.org
Galiza :: 07/11/2007

@s Libertari@s e a loita contra Reganosa. A Demolizón : o único xeito de construir futuro

CNT-Galiza
@s libertari@s opoñémonos á planta de gas, nacida da nefasta conivencia entre un empresario falto de escrúpulos, que viu unha oportunidade de negocio na construción en terreos de dominio público marítimo terrestre

@s libertari@s opoñémonos á planta de gas, nacida da nefasta conivencia entre un empresario falto de escrúpulos, que viu unha oportunidade de negocio na construción en terreos de dominio público marítimo terrestre dunhas instalacións para as que non tiña a preceptiva autorización nin podería cumprir os requisitos legais para obtelos e unha administración corrupta ou ineficaz, que en vez de pórlle freo a esta ilegalidade decidiu facerse cómplice, evitando que tivera que someterse a Avaliación de Impacto Ambiental (que tería que considerar emprazamentos alternativos, o que descartaría o actual), participando nas inversións, construíndolle os accesos e mesmo aportando os mecanismos de intimidación do Estado para reprimir duramente protestas lexítimas, e pola falla de mecanismos de participación eficaces que permitan a implicación directa d@s afectad@s na toma de decisións que lles atinxen. E xustificamos a nosa oposición por:

Motivos de seguridade : moito se ten dito a este respecto. Sen dúbida é o principal argumento legal en contra: non fan falla doutos peritos nin avogados, basta cun mapa, unha regra e exixir que se cumpra a distancia de seguridade que impón a lexislación (2.000 m dende o núcleo máis próximo de poboación agrupada, art. 4 do RAMINP) e debería ser a principal causa para sentirse afectado. Por outra parte, as dificultades para a manobra dos barcos gaseiros na ría, que impiden que en caso de accidente abandonen a ría inmediatamente e polos seus propios medios, o que debería levar a que se prohibiran as operacións de descarga de gas, ao non cumpri-la norma UNE-NE 1532, de obrigado cumprimento en instalacións deste tipo. Non somos cifras nunha conta de resultados nin a nosa seguridade pode ser un risco asumible.

O impacto ambiental: ademais doutras consideracións ecolóxicas, o funcionamento da planta baséase na regasificación do gas empregando para elo auga de mar extraída da propia ría que, por unha parte e para impedi-la incrustación de organismos mariños (fouling) é esterilizada con hipoclorito sódico e, por outra, volta a ría a menor temperatura da que antes tiña, co que temos unha gran masa de auga (300.000 m3 diarios) á que se lle está privando artificialmente de vida, converténdoa nunha zoa morta, e creando unha barreira térmica que pode altera-lo desprazamento das larvas dos organismos mariños da ría, dous factores de empobrecemento do ecosistema da ría e dúas ameazas directas para o medio de vida mariscadores da bisbarra.Por outra parte, dificilmente podemos considerar como “sostibel” (velaí a etiqueta que vende) unha fonte de enerxía baseada no consumo de combustíbeis non renovábeis que, ademais, segundo os informes da Asociación para o Estudio do Pico do Petróleo e o Gas (ASPO, segundo o acrónimo en inglés) está alcanzando o seu máximo de producción, non aumentable polo balance entre a innovación técnica e o imperativo xeolóxico (é dicir, a propia existencia das reservas), mentres que a demanda non para de crecer e está a piques de superar a súa dispoñibilidade.

Os intereses que representa: A propaganda institucional repite que REGANOSA (a planta contaminante, empobrecedora do litoral, perigosa e ilegal da que falamos) é “estratéxica” para a economía galega. Sen entrar a discutir se Galiza pode ter entidade económica propia na órbita dos contextos económicos español, europeo ou global, cómpre preguntarse se o goberno galego, actual ou sacado dos sonos de futuro do seu vicepresidente, pode ter máis xogo no xadrez xeopolítico que pagar racións de polbo e empanada en Latinoamérica, sendo que o control de acceso ás cada día máis escasas reservas está a promover guerras,invasións e todo tipo de escuros acordos entre as grandes potencias militares e económicas, permitindo que países como Alxeria ou Nixeria estean a bater récords de vulneración de dereitos humanos.
Por de pronto, malia que –como xa comentamos- a Xunta está emporcada en tan sucio negocio, os beneficios económicos para @s galeg@s en xeral da posta a punto desta planta son máis ben dubidosos, xa que estamos a falar dun consorcio financeiro no que ao grupo GADISA (pertencente a Tojeiro, o “cerebro” da operación) sumáronse outras firmas do mundo da banca (Banco Pastor, Caixanova, Caixa Galicia, capital de provincias probando sorte no taboleiro global), as eléctricas (FENOSA e ENDESA, con todas as súas metástases no negocio petroquímico e na mafia do Medio Ambiente arruinado, mais rendíbel) e SONATRACH, empresa estatal alxeriana que xestiona os pozos que garanten a impunidade daquel estado de terror e armadora dos mesmos gaseiros que atemorizan e ameazan á poboación de Ferrolterra; mentres que @s habitantes de Galiza, que vimos como enmerdaban o noso aire co fume carbón que un día ocultaba o solo de pobos agora desaparecidos, que vimos como os encoros comían outros pobos e como as minicentrais hidráulicas arruinaban os nosos ríos, que vimos (e vemos) a nosa paisaxe colonizada polos aeroxeradores, muiños que esconden trala súa utópica aparenza, aos xigantes do sector enerxètico, que en Ferrol (e Coruña) vimos como o peirao do carbón recheaba a ría, tinguindo de gris as nosas vidas, que temos en Coruña a refinería, coa súa polución e os seus accidentes, pagamos o quilovatio como o que máis.
Vemos aquí varios dos paradigmas que nos anoxan da “globalización” e o neoliberalismo: a supremacía do beneficio a curto prazo sobre calquera outra consideración, o capital acudindo a alí onde menos garantías de todo tipo se lle esixan, a concentración dos beneficios e a universalización dos danos...
Fronte a isto, as institucións galegas, en vez de buscar unha “estratexia económica galega” racional e sostíbel (fomentando políticas de reducción do consumo, xa que coas fontes de producción de enerxía que ten na actualidade Galiza sería excedentaria nun hipotético contorno illado, malia grandes sumidoiros de electricidade como ALUMINA ou MEGASA) ou facer cumpri-los imperativos legais e de seguridade xa enunciados, asinan ou respectan pactos segredos para garanti-los benefizos desta banda de aventureiros temerarios e rapaces.

Cuestións sociais e laborais: Como xa vimos, ningunha planta de gas será fonte de enerxía sostíbel, ningunha planta de gas será motor económico para Galiza, pero ademais esta planta pode comprometer máis postos de traballo que os que oferta.
Tras a enganosa promesa de creación de postos de traballo, no que mesmo se chegou a facer un sondaxe da situación laboral casa por casa, para evitar a oposición dos veciños, e se tirou tallada no negocio inmobiliario, pola necesidade de nova vivenda que ía xurdir na Brasilia mugardesa, chega a dura realidade: a construción da planta levárona cabo traballadores portugueses de empresas subcontratadas, coas garantías laborais que isto implica e, na actualidade, a escasa nómina de traballadores que está a traballar na empresa fai horas extras publicitando as bondades e garantías de todo tipo que ten semellante aberración.
Por outra parte, como xa apuntamos, outras actividades económicas veríanse afectadas (usos marisqueiros ou turísticos do litoral) ou mesmo descartadas, polos riscos inherentes á presenza de REGANOSA (por exemplo, a tan traída e levada base de reparacións da OTAN, da que se leva falando dende a primeira transición).
E, por rematar, estaría o prexuízo social que é o impacto paisaxístico de tan horrible instalación (de día unha mole de formigón, de noite un obsceno árbore de Nadal), a usurpación de dominio marítimo terrestre (que impide o disfrute de parte da ribeira), as trabas á navegación que supoñen o tráfico de gaseiros e mesmo a presión psicolóxica do risco que supón tan indesexable veciñanza.

Atopámonos, pois, nunha loita que presenta múltiples frontes:

A fronte mediática:
Prácticamente gañada polos medios a soldo de REGANOSA, que tenta acalar todas as informacións sobre as protestas con publirreportaxes apoloxéticos camuflados coma noticias. Os medios independentes, alternativos ou incontrolábeis (como é o caso da internet), se ben sabiamente utilizados poden sacar á luz “verdades incómodas”, dificilmente poden competir coa capacidade de difusión dos devanditos panexíricos.
A loita neste punto pasaría por demostrar unha contestación imposible de ocultar e amosar as falsidades da propaganda oficial, de xeito que a propia reputación dos medios que lles serven puidese quedar en dúbida, co que calaríamos as mentiras e iriamos conseguindo difusión nos medios “oficiais”.
A este respecto, o maior eco mediático pasou polas accións dos mariscadores, que cunhas poucas xornadas de bloqueo conseguiron unha difusión do problema que non tiñan logrado en oito anos de existencia o Comite Cidadán de Emerxencia, coa súa loita legal, as súas visitas a institucións diversas e os seus gastos desorbitados en asesorías, peritaxes e campañas de publicidade mal orientadas. Esta repentina aparición na prensa, tras longos anos de loita xorda fixo que aumentara o apoio popular ás mobilizazóns e que se acuñara unha nova mentira oficial: “é que se acordaron tarde de protestar, cando a obra xa estaba rematada”, pois non, quizais o problema foi unhas protestas mal plantexadas, sen a suficiente unión entre os colectivos sociais, sen o suficiente alcance entre a xente, cunha total falta de concenza asamblearia (non hai máis grao que a antigüidade, e máis aínda se es unha vella gloria) e demasiado confiada na honradez das institucións (dende o Concello ata Bruxelas, sen perder de vista a administrazón de Xustiza).
Outros logros nesta fronte, conqueridos polo Comité, foron o documental de liña 900 “Hai un gasoduto no meu xardín” e o documental de Mabel Rivera “O salario do silencio”, así como o libro “Muros de silencio”, editado por Fuco Buxan.

A fronte legal:
Encarnada polo Comité. A planta de gas está sometida a 7 procesos xudiciais contra a ubicación da planta e as súas actividades. Por outra parte, aí está, incumprindo 9 normas, entre regulamentos, directivas comunitarias e normas técnicas, co que tampouco parece que sexa necesario dedicar demasiadas enerxías nesta loita: non retira-las denuncias (e protestar cando alguén as retira, como fixo no seu día o Pleno do Concello de Ferrol) e denunciar publicamente a ¿incompetencia? ¿corrupción? das distintas instituzóns que deberían facer que a Lei se cumpra.

A fronte política e sindical:
Os sindicatos maioritarios, así como os partidos presentes nos gobernos autonómicos actual e anterior están claramente aliñados nas teses oficiais, máis aló dalgunhas participacións anecdóticas nas mobilizazóns ou mesmo no Comité de vellas glorias tentando reverdecer caducos loureiros. A tese da creazón de emprego ou os acordos mercenarios subscritos polos representantes destas organizazóns nas diversas administrazóns lles bastan como argumentos para desoír o clamor popular. En canto a esquerda unida, o único partido de ámbito estatal que participou nas mobilizacións, a súa participación no actual Concello (tras un ascenso electoral sen precedentes) cos mesmos que defenden a legalidade e viabilidade da planta e aportan as forzas de represión do Estado para combate-las protestas, así como a súa postura favorable á regasificadora de Xixón non nos merece demasiada confianza.

@s libertari@s nos atopamos nesta loita, onde sempre estivemos, na rúa, man a man cos outros afectados, como fixemos noutras loitas que nos ten tocado vivir: as protestas contra a incompetencia da clase política no atentado ecolóxico do Prestige, a loita contra a guerra imperialista contra o pobo iraquiano, o urbanismo salvaxe, o caciquismo atávico da clase política galega, os abusos contra @s traballador@s, aportando os nosos medios, a nosa experiencia e métodos, o noso entusiasmo, sen caer en tentacións vangardistas nin delegacións claudicantes, fieis seguidores da estratexia de abstención activa e dos principios directores de Unión, acción e autoxestión.

En canto ao futuro da planta existente, non creemos que poda ser outro que a súa demolición, con restitución das condicións orixinais e a expensas dos que cometeron a ilegalidade. Calquera outra solución sería un insulto para o pobo de Ferrolterra e un descrédito (se é que iso lle importa a alguén) para as instituzóns implicadas. ¿E outras plantas posíbeis?: como xa temos exposto, non somos partidarios deste modelo enerxético nin traballamos para a industria petroquímica.
Planta de gas, nin dentro nin fora ; demoler Reganosa é construir futuro.

Na comarca de Ferrol.
Novembro de 2007
Union Libertaria
S.O.V da CNT de Ferrol

Imprime e difunde!

Podes descargar o PDF aqui:

mais info:
www.unionlibertaria.org
www.cntgaliza.org
www.reganosademolizon.org

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal