lahaine.org
Galiza :: 19/07/2006

Día da Patria 2006: Decidimos a Independencia, escollemos o Socialismo

Adiante
Un grupo de cidadás e cidadáns convoca Manifestación Nacional Unitaria o Día da Patria Galega baixo o lema "Construíndo a nación desde a esquerda. POLO NOSO DEREITO A DECIDIR".

A mobilización partirá ás 12:30 horas da Alameda de Compostela. ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) apoia activamente a convocatoria e chama á mocidade galega a acudir o 25 de Xullo a Compostela a manifestarse polos nosos dereitos nacionais, pola Independencia e o Socialismo.

Construíndo a nación desde a esquerda. POLO NOSO DEREITO A DECIDIR [+]

DECIDIMOS A INDEPENDENCIA
ESCOLLEMOS O SOCIALISMO

Neste novo Día da Patria Galega, as mozas e mozos de ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega), como xovens da esquerda independentista, abordamos unha nova xornada de celebración e orgullo nacional, pero sobre todo unha xornada de reivindicación, loita de clase e denuncia.

Que é o que denunciamos? Pois denunciamos a explotación infantil e xuvenil en todas as súas expresións: prostitución, pornografía, sub-emprego e malos tratos. Exiximos que remate dunha vez a impunidade dos clérigos, e do resto de relixiosos, que sistemáticamente abusan de cativ@s e menores.

Denunciamos o escravismo empresarial, escravismo que ten nomes e apelidos, que está apoiado por unha lexislación á súa medida, que "trapichea" traballadoras/es xovens coas ETT's, que produce milleiros de mortes cos accidentes laborais, e que agora pretende exportar a explotación e a precariedade coa Directiva europea Bolkestein.

Denunciamos os milleiros de mortes diarias de moz@s por causa da fame no mundo. Repudiamos aliás o cinismo das ONG's e organismos semellantes, que trafican con esa "solidariedade" hipócrita que evita os remorsos d@s culpábeis e maquilla o rostro dun imperialismo mal-chamado globalización.

Denunciamos a promoción do turismo como reprodutor de precariedade xuvenil e como causante do aumento acelerado da nosa dependencia colonial. Estamos fart@s de servirlles vermús ás clases acomodadas de occidente mentres nos dan unha esmola e nos ameazan por utilizar a nosa lingua. Estamos queimad@s por non ter acceso a unha vivenda mentres proliferan urbanizacións luxosas.

Denunciamos as accións militares que deixan sen mocidade aos pobos que queren ser ceibes, e que se nos presente como saída laboral "digna", aproveitándose da nosa desesperación, facer parte de institucións ocupantes tan desprezábeis e con traxectorias tan escuras coma o exército español, os corpos policiais (estatais, autonómicos ou municipais), a seguridade privada ou a garda civil.

Denunciamos a cumplicidade consciente dos medios do sistema nos ataques á mocidade proletaria e o conseguinte silenciamento mediático perante as propias iniciativas xuvenís autoxeridas. Os mass-media do réxime pretenden idiotizarnos, españolizarnos, convertirnos en consumidoras/es efermiz@s

De ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) denunciamos as mortes por enfermidade entre a mocidade do planeta provocadas pola interrupción da fabricación de medicamentos non beneficiosos para @s monopolistas. @s comunistas denunciamos ao capitalismo desde hai xa case dous séculos. Antes por ser un sistema inxusto, agora ademáis, por criminal.

Denunciamos o consumismo que nos fai participar do sistema que nos oprime, que nos obriga a perder a dignidade no traballo facendo actos contrarios á nosa vontade, actuando de forma vergoñenta ou vestindo uniformes ridículos. O marketing e a empresa xa están por riba das persoas.

Denunciamos o sexismo, a homofobia, o racismo, a violencia contra as mulleres, as mozas, @s desfavorecidos. Denunciamos o drama da emigración e inmigración, o tráfico de drogas, o paro, a corrupción, a exclusión e a marxinación que golpean duramente á mocidade do planeta.

Denunciamos a reprodución do auto-odio estrutural que existe na sociedade galega, auto-odio de sermos galegos e de ser filla ou fillo de traballadoras/es. Por moito que se esforcen PRISA, a COPE & Cía. non somos de "la roja", nin nos gustan os "valores" de O.T. e outras movidas, nin a xente trepa que chega á fama e á riqueza dun xeito mais que dubidoso.

Denunciamos a invasión selvaxe da lingua española sobre a galega, violando mesmo a ridícula lei actual do galego no ensino. O galego ten o trato de lingua estranxeira e o español de lingua propia. A invasión selvaxe do resto de valores da cultura española sobre a cultura galega ven a través dos temarios impostos polos gobernos colonialista (central) e sucursal (Xunta).

De ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) denunciamos o ensino elitista, o destinado a criar man de obra para os empresarios, o fanático-relixioso e o que nos ven da man do Proceso de Boloña. Queremos un ensino nacional, científico, popular e democrático. Un ensino público ao servizo da clase traballadora e do pobo galego.

Denunciamos e estamos dispost@s a loitar. Porque detrás da imaxe de gualtrapas, individualistas e "borreg@s" que se nos quere amosar da mocidade currante, hai unha mocidade que pensa, que reaxe, que se ergue, que está farta de aturar tanta miseria, tanta ostentación do poder.

As revoltas xuvenís nos barrios obreiros do Estado francés e as mobilizacións estudantís que removeron á súa dereita, a resistencia okupa nas vilas e cidades catalás, os combates da mocidade chilena no 1º de Maio desenmascarando a falacia da socialdemocracia, ou o protagonismo d@s xovens galeg@s na folga do metal polas rúas de Vigo, son boa proba de que non nos imos resignar a un mundo de explotación, escravitude e crime. É dicir, capitalista.

De ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) facemos un chamado a resistir para contraatacar, a organizarnos para loitar, a propoñer para avanzar. Sabemos que só coa independencia total dunha Galiza en igualdade de condicións co resto de pobos nun planeta comunista e sen clases poderemos pór freo á destrución capitalista, ao abuso do imperialismo.

Por iso, como entidade xuvenil do independentismo galego de clase, como revolucionari@s, dirixímonos á mocidade traballadora e estudante da clase obreira e convidámosvos a subir ao barco da organización e a botar man desta ferramenta de loita. Porque decidimos a independencia, porque escollemos o socialismo.

Adiante, sen tregua, República Galega!
Viva Galiza independente e socialista!
Organízate e loita!

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal