5 de xuño. Día Mundial do Medio Ambiente. "Coas nosas rías non se xoga!"
Este vindeiro 5 de xuño, a "Coordenadora en defensa da ría de Muros e Noia contra o cultivo intensivo de salmón nas súas augas", integrada por máis de 40 colectivos entre confrarías, organización de produtores/as, ecoloxistas, sindicatos, etc. convocamos unha manifestación en Muros baixo o lema "COAS NOSAS RÍAS NON SE XOGA". O percurso reivindicativo partirá ás 12h dende do porto de Muros e rematará tras a lectura do manifesto cunha xornada de convivio e lecer. Facemos un chamado a todas as organizacións sociais sensibilizadas coa problemática do mar e do litoral para acudir a Muros este vindeiro domingo e reivindicar conxuntamente un futuro sustentábel para as nosas rías.

Manifesto
COAS NOSAS RÍAS NON SE XOGA
CONSERVAR AS RÍAS E O LITORAL, GARANTÍA DE FUTURO
A instalación de gaiolas para o cultivo do salmón na ría de Muros representa outro episodio na confrontación entre dous modelos de obtención de alimentos: por unha banda a pesca de baixura, o marisqueo e os cultivos mariños, que aproveitan os recursos propios e dependen do bo estado das rías. Por outra, o modelo da acuicultura industrial intensiva que fabrica peixes en cadea e deixa graves danos nos ecosistemas acuáticos. A pesca tradicional e o marisqueo baséanse en aproveitar a gran riqueza biolóxica das rías; xeran máis emprego e deixan máis valor engadido nas comunidades locais. A acuicultura industrial, tanto en terra como no mar, busca xerar grandes cantidades de peixe barato mediante a concentración, a alimentación forzada e o uso masivo de antibióticos e produtos químicos, cunha ridícula creación de emprego. Tampouco contribúe a evitar a sobrepesca porque os pensos de salmóns, douradas e rodaballos fanse con fariña de peixes esquilmados polas flotas industriais de todos os mares do mundo.
As organizacións asinantes estámonos mobilizando a prol dun desenvolvemento sustentábel e racional da pesca e a acuicultura, e en defensa dun futuro para as nosas rías e quen vive delas. Queremos lanzar á sociedade unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade sobre o estado do mar e das rías. De alarma porque os ecosistemas mariños están seriamente ameazados pola irresponsabilidade e a cobiza de quen só ve neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que botar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias. E de responsabilidade porque queremos deixar para xeracións vindeiras esa riqueza no mesmo estado na que a topamos.
A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respectuosa cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos pobos. Aos mariñeiros só se lles permite escoller entre o desmantelamento das estruturas pesqueiras tradicionais para, como propón a UE, poñerse a pescar plásticos ou pasear turistas, ou os empregos en precario da acuicultura industrial, que lles rouba a capacidade de producir alimentos e contamina o seu medio de vida.
As deficiente depuración das verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, os recheos e obras portuarias e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico e económico ás nosas rías.
O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo.
Persisten as graves ameazas de instalacións industriais como os depósitos do Ferrazo, Ence ou a planta de gas de REGANOSA, mentres proxéctanse máis recheos nas rías de Vigo, Ferrol, A Coruña... Sobre treitos costeiros de grande valor ambiental e cultural como o cabo Touriñán, Corrubedo, as dunas da Lanzada, ou O Salgueirón en Cangas, pairan ameazas de piscifactorías, urbanizacións, campos de golf e portos deportivos.
O POL deixou fóra de ordenamento aos planos sectoriais que como o Acuícola, o Eólico, de Portos Deportivos, etc. entregándolle a costa ás multinacionais e quitándolla aos veciños/as coa ameaza da expropiación. E as recentes modificacións da Lei do Solo pretenden facilitar a ocupación de máis chan rústico e de protección, incluíndo os sensíbeis espazos costeiros.
Non pode demorarse máis a posta en marcha medidas para garantir a protección e o uso garantido no tempo duns ecosistemas únicos, as nosas rías e o noso litoral, que xa están no límite da súa capacidade de carga.
Esiximos da administración a retirada dos proxectos de acuicultura intensiva do salmón nas rías e dos peixes planos no litoral e a aposta pola sustentabilidade dun modelo extractivo baseado na a pesca artesanal, o marisqueo e os cultivos mariños e centrado na conservación dos ecosistemas,
Reclamamos a elaboración urxente dun plano estratéxico contra a contaminación mariña con obxectivos concretos, con datas e orzamentos concretos que verifique a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. É preciso tamén garantir a responsabilidade civil ilimitada para as actividades industriais que potencialmente poidan causar danos ao medio mariño e costeiro.
Débense ampliar das áreas mariñas protexidas, refuxio e sementeira da biodiversidade mariña, que permitan manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do mar. O tesouro das nosas rías, fonte de vida, sustento e identidade do noso país ten que preservarse para as xeracións vindeiras. É a nosa responsabilidade e ten que ser o noso compromiso.
COAS NOSAS RÍAS NON SE XOGA
CONSERVAR AS RÍAS E O LITORAL, GARANTÍA DE FUTURO







