lahaine.org
Galiza :: 18/06/2009

Segundo dia de parón nos concesionarios e novas marchas polo centro de Vigo na folga do Metal

Confederación Intersindical Galiza
A partir de mañá haberá novos cambios nesta semana de mobilizacións e folga

A folga parcial, con paros de 9 a 13, e con diferenzas en función do subsector continuou o mércores 17 de xuño, con maior efectividade e organización, e de novo cumprindo o obxectivo de volver paralizar a venda dos concesionarios. Tamén nesta xornada, e xa van once, volviase visibilizar polo centro da cidade aos traballadores e traballadoras do Metal en folga, que protagonizaban unha marcha polo centro da cidade, desde a zona dos estaleiros de Bouzas e Barreras. Tamén houbo unha alta presenza policial, como en xornadas anteriores.
17.06.09 Folga Metal XXVIII

O Metal continúa coa súa nova andaina nas mobilizacións e folga parcial, e o mércores era xa unha xornada de consolidación deste modelo, onde se volvía incidir na paralización da venda de automóbiles mais tamén volvia haber marchas desde os centros de traballo.

Asembleas nos centros de traballo

Ás nove tiñan lugar asembleas nas distintas zonas de encontro, estaleiros e ás portas dos centros de traballo para informar de que nesta xornada se mantiña a estratexia prevista polo que aqueles folguistas que na xornada anterior estiveron diante dun concesionario ían acudir aos mesmos lugares.

Marchas desde Barreras

Tamén a xente que ficaba no estaleiro decidiu iniciar unhas marchas desde a zona de Bouzas e Barreras, continuando por Beiramar, até a delegación da Xunta de Galiza, onde realizaron unha pequena parada para lanzar o berro máis significativo deste colectivo en folga: "Metal solución!".

Despois subían até o cruce de Colón, desde onde encamiñaban os seus pasos até a porta do Sol, continuando até a Praza de Industria, e cortando o tránsito en toda esa zona até as doce e cuarto.

Paralización nos concesionarios

O resto dos folguistas acudiron aos concesionarios, onde volveron ter lugar as imaxes da xornada anterior, con masiva presenza policial e moitos traballadores do Metal nestes espazos, que de novo paralizaban a venda nos concesionarios de automóbiles.

Ciclo esgotado e novas accións

Antolín Alcántara, na asemblea que tivo lugar ás doce da mañá cos traballadores e traballadoras que se tiñan que reincorporar aos seus postos de traballo, subliñou que "este ciclo dos concesionarios esgotouse e a partir de agora imos cambiar o paso. No dia de hoxe ou mañá a primeira hora dirémosvos o que pasa mañá, e que novas medidas se toman". Sobre os sucesos que aconteceron na noite pasada en Vigo, Alcántara sinalou que "ao parecer esta noite sucederon diferentes cousas que dalgunha forma interesadamente se tenta vincular co tema do metal, e o único que temos que dicir é que non sabemos nada nin tampouco temos nada que dicir sobre iso. Nós facemos o noso propio traballo e a nosa expresión, sempre damos a cara cando facemos as cousas, e sobre o demais preferimos gardar silencio".

Analise da xornada

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG relatou que "mentres estabamos aqui, na Avenida de Madrid, o resto dos compañeiros estaban na estrada de Baiona e noutros concesionarios, e un grupo bastante numeroso dos traballadores do Metal saíron polas rúas de Vigo e foron até o centro da cidade, e agora están a regresar aos estaleiros". Sobre os berros de folga xeral que se escoitaron na asemblea Alcántara respondeu que "se os empresarios continúan a estrangular como están a facer o conflito, a folga xeral ten que ser unha cuestión da que teñamos que falar e comezar a poñer enriba da mesa xa". Alcántara concluiu dicindo que "nós na nosa historia sempre fomos capaces de aguantar e resistir, plantarémoslles cara. Estamos afrontando este reto e non nos imos decepcionar a nós mesmos".

Durante a xornada de hoxe non se produciron ningún tipo de reunión e non hai prevista unha nova xuntanza para continúar as negociacións.

Imaxes desta xornada

Na sección multimedia da nosa web contades con máis imaxes desta xornada, ou tamén nesta ligazón.

 

Contactar con La Haine

 

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal