lahaine.org

compartir

                          

Dirección corta: https://lahaine.org/fL9U

convertir a:
Convertir a ePub  ePub        Convertir a pdf  pdf

  tamaño texto

  enviar          imprimir


traductor

06/11/2018 :: Andalucía, Nacionales Galiza

Andalucía como primeiro exame da carreira electoral

x Carme Arango / Adiante.Gal
“Casado lidera unha estratexia dirixida a ser noticia a diario, aínda que sexa coa exhibición da bandeira española nos balcóns”

 O próximo 2 de decembro, uns meses sobre a data prevista, Andalucía votará a renovación do seu Parlamento. O adianto electoral anunciado pola presidenta da Junta, Susana Díaz, permitirá pulsar as opcións dos principais partidos no que supón un arranque adiantado do ciclo que, por prazos, acabará coas eleccións xerais previstas para xuño de 2020. Todo fai pensar, non obstante, que Pedro Sánchez podería adiantarse tamén e convocar eleccións o próximo outono en función da sorte que corra o PSOE nas próximas citas nas urnas.

Unha nova reconfiguración política

Hai catro anos e medio, as eleccións europeas constituíron o primeiro test para medir a fortaleza do PP de Mariano Rajoy, duramente contestado na rúa a pesares da súa maioría absoluta parlamentaria, e as opcións reais dunha mudanza no sistema de partidos español após a fundación de Podemos. A irrupción do partido de Pablo Iglesias no Parlamento Europeo foi o preámbulo da fragmentación da centroesquerda española, con ameaza real de desprazar o PSOE como a primeira forza política de esquerdas nas eleccións xerais de 2015 e 2016.

Salvando as distancias, os comicios andaluces poden converterse no primeiro laboratorio de probas no que se poida testar a situación política, unha vez asentado o cambio que supuxo a moción de censura que converteu Pedro Sánchez en presidente do Goberno e cando se mantén aberta a pugna na centrodereita, con VOX sumándose á pelexa para aproveitar o desgaste do PP no flanco dereito.

O contexto andaluz, porén, presenta algunhas singularidades que haberá que ter en conta cando se analicen os resultados que amosen as urnas na noite electoral. En principio, é incuestionábel a vitoria do PSOE no seu feudo histórico. Dacordo coa maioría de estudos demoscópicos publicados, Susana Díaz obterá unha vitoria clara que, no mellor dos casos, permitiríalle achegarse aos 47 escanos que ten na actualidade e abrir vías de diálogo tanto con Ciudadanos como con Adelante Andalucía, a marca Podemos nestes comicios.

“En principio, é incuestionábel a vitoria do PSOE no seu feudo histórico. Dacordo coa maioría de estudos demoscópicos publicados, Susana Díaz obterá unha vitoria clara que, no mellor dos casos, permitiríalle achegarse aos 47 escanos que ten na actualidade.”

É moi posíbel que o que se decida despois haberá de marcar as relacións entre os partidos de cara ás negociacións que, con total seguridade, haberán de se repetir após os comicios autonómicos e locais de maio de 2019 e, por suposto, após as eleccións xerais.

Ironías da política, Sánchez terá en Andalucía o primeiro apoio da súa política gobernamental, fortemente cuestionada desde as filas de PP e de Ciudadanos, enfrascados en marcar o ton e o fondo dun debate político que pasa por situar o marco do que o presidente socialista é un “okupa” que usou “métodos golpistas” para chegar á Moncloa. Consciente da importancia da cita, o presidente do Goberno acudiu a Sevilla para apoiar publicamente a súa candidata cun abrazo en público que lanzaba tamén unha mensaxe interna: As feridas abertas durante as primarias eran historia pasada.

Sintonía entre PSOE e Unidos Podemos

As negociacións frustradas para formar goberno que mantiveron ambas formacións despois das eleccións de 2015 serviron para extraer algunhas leccións. A máis importante, logo da negociación dos gobernos do cambio a nivel municipal e autonómico, é que socialistas e morados estaban condenados a se entender tamén a nivel nacional se querían acceder ao poder.

Alén das tensións e desconfianzas mutuas, a moción de censura serviu para escenificar o novo tempo entre ambos partidos, que se consolidou co acordo sobre o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2019. Tamén o liderado de Pablo Iglesias para redefinir a cuestión catalá ou a defensa que a diario dirixentes de Unidos Podemos realizan da acción do Goberno nun contexto de esaxeración do labor de oposición por parte de Ciudadanos e do PP, cuxo líder chegou a cualificar de “golpe de Estado” a elección de Sánchez como presidente do Goberno.

“Teresa Rodríguez, moi crítica con Susana Díaz durante toda a lexislatura, sobrevive como a única líder territorial con capacidade de manter certa autonomía respecto ás estruturas centrais de Podemos.”

En teoría, as boas relacións que manteñen ambos partidos na esfera nacional deberan trasladarse a Andalucía após os comicios autonómicos. E aquí habemos de citar, de novo, outra excepcionalidade da política dunha Comunidade que vai por libre en relación ás decisións de Ferraz ou de Podemos. Teresa Rodríguez, moi crítica con Susana Díaz durante toda a lexislatura, sobrevive como a única líder territorial con capacidade de manter certa autonomía respecto ás estruturas centrais de Podemos.

En resumo: Ambas mulleres teñen posibilidades de manter certa marxe de independencia respecto ás decisións orgánicas dos seus respectivos partidos en Madrid, de xeito que a boa relación entre PSOE e Unidos Podemos no Congreso pode perfectamente non trasladarse a Andalucía. Será cuestión de tempo saber se esa posibilidade ten transcendencia ou non na negociación dos gobernos doutras CCAA a partires de maio.

O PP testa método en Andalucía

A precampaña electoral andaluza serve como laboratorio de probas da nova estratexia de oposición do PP de Pablo Casado, máis en sintonía con José María Aznar que con Mariano Rajoy, e que levou o debate político ao barro. Durante estas semanas, endureceu o ton, unha vez asumida a volta á dereita sen complexos, en boa medida polo temor a que VOX termine de executar o labor que emprendeu Ciudadanos para se postular como alternativa ao partido conservador por antonomasia. Así explícase por que Casado extremou un discurso que emociona unha parte das súas bases, mais que suscita precaución en quen temen que a esaxeración lle pase factura e que o mandato de Casado se asemelle ao de Hernández Mancha.

Génova volveu recuperar a tese dunha España nacional cunha vixencia de cinco séculos e da utilización do mesmo ton áspero que asumiu a dirección popular entre 2004 e 2008. A diferenza é que agora Casado lidera unha estratexia dirixida a ser noticia a diario, aínda que sexa coa exhibición da bandeira española nos balcóns, coa petición de que se dea grazas ao Rei a diario ou con descualificativos como chamar golpista a Sánchez.

“Casado lidera unha estratexia dirixida a ser noticia a diario, aínda que sexa coa exhibición da bandeira española nos balcóns”

As sondaxes sobre intención de voto avanzan unha disputa entre PP e C’s tamén en Andalucía, cunha caída clara da listaxe que encabeza Juan Manuel Moreno, un dos grandes perdedores das primarias do PP. De aí que sorprenda, de novo, que líderes nacionais volvan empregar críticas pouco precisas contra as crianzas andaluzas polo seu nivel educativo e, en calquera caso, coa defensa dos tópicos que inciden nun atraso autonómico para atacar a herdanza socialista.

Neste contexto, C’s volve á estratexia que lle ten funcionado durante o último ano: Albert Rivera lidera os postulados de partido en relación coa defensa da unidade de España á espera de que esa proxección sirva de correa de transmisión para o partido nos territorios nos que manifesta maior incapacidade orgánica. Así, en Andalucía, despois do pinchazo do acto organizado en Sevilla cando era un clamor que habería adianto electoral, os cuarteis xerais de C’s non arriscan e limítanse a colocar mensaxes a través das redes e os medios de comunicación. Até o momento, basta con deixar que o PP se coza na súa propia salsa para obter beneficios mentres mantén liña aberta cos socialistas andaluces de cara a formalizar un novo acordo parlamentario.

Catalunya e a cuadratura do círculo

Un ano despois da activación da vía xudicial contra o Procés, consúmase a distorsión entre o proceso xurídico e a realidade política. Hai uns días, a Avogacía do Estado, en consonancia coa posición pública do Executivo, considerou que os líderes cataláns en prisión non deben de seren xulgados por rebelión (entre 15-25 anos de prisión), senón por un delito de sedición (15 anos de prisión) e de malversación de fondos públicos. Volvemos, polo tanto, ao mesmo debate que arrincou co inicio do proceso xudicial contra o Govern de Carles Puigdemont, á espera da petición da Fiscalía, que mantivo a tese inicial de que o acontecido en Cataluña en setembro e outubro de 2017 foi un acto de rebelión.

As diferenzas de criterio entre ambas institucións, que o propio Sánchez evidenciou na súa etapa de líder da oposición e como presidente do Goberno, transpórtanos a un escenario endiañado no que non hai gañador posíbel e que certifica un erro de análise ao xudicializar un problema que sempre foi político.

O apoio de ERC e PDeCat á moción de censura avanzou o inicio dunhas relacións entre Madrid e Barcelona dirixidas a facilitar a volta á vía institucional coa maior dignidade posíbel. Con Puigdemont en Bélxica e ERC centrada na Catalunya posíbel, esa dignidade céntrase en facilitar a posta en liberdade dos ‘Jordis’ e dos presos a cambio dunha actitude construtiva das formacións independentistas no Congreso.

“A fragmentación parlamentaria constitúe a mellor baza do independentismo para facer presión sobre o Estado e puxar a favor dun proxecto político a vinte anos vista” 

A pesares do relato (a fundación da Crida Nacional per la República como marca electoral, a conmemoración masiva da Diada ou o primeiro aniversario do referéndum do 1 de outubro), resulta innegábel certo esgotamento e percepción de ruela sen saída á espera dunha maioría máis avultada en favor das teses independentistas e/ou da implosión do sistema español.

Dado que o sistema resiste a pesares dos retrocesos e carencias en materia social, política e democrática, á espera de medir a profundidade dunha crise económica da que xa avisan os expertos, a fragmentación parlamentaria que recollen todos os estudos demoscópicos constitúe a mellor baza do independentismo para facer presión sobre o Estado e puxar ao seu favor coa construción dun proxecto político a vinte anos vista.

Por iso, e á espera de que o proceso xudicial finalice a próxima primavera, cobra forza a idea de que o tándem Unidos Podemos-PSOE constitúe hoxe a mellor oferta para traballar pola independencia a medio e longo prazo. Sobre todo se temos en conta o ton e o fondo que defenden a diario os líderes dos partidos nacionais do resto do arco parlamentario respecto o seu modelo de país, no que insertan tamén unha Catalunya domesticada.

Carmen Arango

Son autora do blogue La última en llegar. Son xornalista e politóloga, especialista en comportamento electoral e análise. Desde Madrid, teño contribuído á política de comunicación de partidos políticos. Aínda que estou en fase de transición, sigo con interese os procesos internos de renovación de liderados e proxectos políticos no Estado, cun ollo posto en Catalunya.

https://adiante.gal/andalucia-como-primeiro-exame-da-carreira-electoral/

compartir

                          

Dirección corta: https://lahaine.org/fL9U

 

Contactar con La Haine

Envíanos tus convocatorias y actividades!

 

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License    [ Clave pública PGP ] ::

Principal