lahaine.org
Galiza, Nacionales Galiza :: 01/10/2025

Homenaxe ós últimos fusilados polo franquismo. Vigo berra Non a impunidade

Angelo Nero
Congregou a máis de duascentas persoas diante da tumba de Baena

Este pasado sábado, 27 de setembro, celebrouse o acto central de Homenaxe ós últimos fusilados polo franquismo en Vigo: Xosé Humberto Baena, Xosé Luis Sánchez Bravo, Ramón García Sanz, Jon Paredes Manot, Txiki, y Ángel Otaegui, no cemiterio de Pereiró, da cidade galega, onde están soterrados os restos de Humberto Baena e onde tódolos anos, o día do cabodano do seu asasinato se celebra un acto na súa lembranza, dos seus compañeiros de loita do FRAP, recordando especialmente a Xosé Luis, que tamén nacera en Vigo, e ós militantes de ETA (p-m) asasinados polo agonizante réxime franquista, nesta mesma data.

Este ano, ó cumprirse os 50 anos dos fusilamentos, formouse a Comisión 27 de Setembro, para darlle unha especial relevancia á Homenaxe, que congregou a máis de duascentas persoas diante da tumba de Baena.

Había alí unha nutrida representación de militantes e cargos do BNG e da CIG, do PCG, de Esquerda Unida e de Podemos, tamén compañeiros que militaron no FRAP con Xosé Humberto e unha delegación do PCE (m-l), pero tamén moitos vigueses e viguesas que querían render unha senlleira homenaxe ó seu veciño. Entre os asistentes estaba o Secretario de Estado de Mocidade e Infancia, o vigués Rubén Pérez Correa. Así mesmo tamén houbo unha representación internacional co Partido Comunista Revolucionario (PCR) do Brasil, e de Luta Final – AP de Portugal.

 

Celso X. López Pazos, en representación da Comisión 27 de Setembro, deu inicio á Homenaxe on estas verbas:

O 27 de setembro de 1975, a cidade de Vigo e o mundo enteiro estremecíase diante das derradeiras penas de morte executada en Europa por motivos políticos. Cinco loitadores antifranquistas, cinco resistentes contra a ditadura do xeneral Franco, eran asasinados logo duns xuízos farsa e sen as máis mínimas garantías procesais. Tales feitos golpearon sobre todo a nosa cidade porque entre os cinco asasinados, dous, Xosé Humberto Baena Alonso e Xosé Luís Sánchez Bravo-Solla eran veciños de Vigo. Xunto a eles caian tamén diante do pelotón de fusilamento Ramón García Sanza, membro do PCE ( m-l) e do FRAP (como Baena e Sánchez–Bravo) e Jon Paredes Manot, Txiki, e Angel Otaegui Etxeberría, membros os dous de ETA (p-m).

É unha obriga inescusable para todos e todas as que creemos na necesidade da Verdade, da Xustiza e da Reparación para coas vítimas da ditadura franquista, que a lembranza deste tráxico acontecemento non esmoreza e desapareza para sempre da nosa memoria colectiva.

Dende aquel 27 de setembro ata hoxe mesmo, con maior ou menor intensidade pero co mesmo e activo compromiso de denuncia antifascista contra os crimes da dictadura, os amigos, compañeiros e camaradas de Xosé Humberto Baena e tamén de Xosé Luis Sánchez-Bravo, tentamos manter viva a súa memoria celebrando de forma ininterrompida durante estes cincuenta anos un acto de homenaxe aquí mesmo, no cemiterio de Pereiró e aos pes da tumba de Xosé Humberto Baena.

Porén este ano 2025 ten especial relevancia simbólica por tratarse do 50 cabodano daqueles asasinatos en forma de fusilamento logo de Consellos de Guerra baixo xuririsdición e leis miliares aplicada a civís.

Ben é certo que no fondo das cousas tanto ten para os que aquí estamos, que a nosa presenza e a nosa acción vindicativa e memorialista de hoxe conmemore o 49 ou o 51 cabaodano daqueles crimes de estado. As convencións rituais dominantes semellan levarnos a unha maior intensidade na lembranza cando as datas fanse redondas ou con maior carga simbólica.

Por iso os membros da Comisión 27 de setembro que eu represento aquí, pensamos que era a nosa obriga que este ano levaramos a cabo unha serie de iniciativas de maior calado e relevancia publica que, compre non esquecer, non houberan sido posibles sen as aportacións desinteresadas e solidarias de centos de homes e mulleres e tamén dalgunhas organizacións sindicais, que aportaron axuda económica para que estes actos foran posibles.

Onte mesmo publicouse unha esquela laica e reivindicativa costeada por subscrición popular en lembranza dos asasinados de setembro de 1975, ao igual que dende hai semanas e grazas tamén a esas axudas económicas foi posible alugar grandes valados onde se fixera lembranza daqueles feitos de xeito ben visible e publico.

Era de xustiza e unha obriga memorialista de carácter antifascista, desenvolver actos públicos para chegar a todala veciñanza de Vigo e para que ninguén esqueza o que aconteceu fai agora cincuenta anos.

Foi nese contexto de espallamento e coñecemento daqueles asasinatos de estado, o que levou a Comisión 27 de setembro a publicar un libro, a proxecta un documental sobre o 27 de setembro de 1975 a organizar unha palestra con protagonistas daqueles feitos e a convocar hoxe, ao igual que vimos facendo dende 1976, esta homenaxe aos cinco resistentes e loitadores antifascistas asasinados tal día como hoxe hai xa cincuenta anos, ao pe da tumba de Xosé Humberto Baena.

Honor e lembranza aos loitadores antifascistas asasinados pola ditadura! Verdade, Xustiza e Reparación para coas vítimas da ditadura! Non a impunidade do franquismo!”

A palestra á que se refería Celso X. López Pazos, celebrouse o pasado martes, 23, no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, onde ó acto organizado pola Comisión 27 de Setembro desbordou o aforo da sala de conferencias do edificio que albergou a prisión da cidade ata 1987, e que contou coa participación de Pablo Mayoral, militante do FRAP e condenado a morte no Consello de Guerra do Goloso, en 1975; Gerardo Viada, avogado de Ramón García Sanz; e Magda Oranich, avogada de Txiki, que tamén participara na defensa de Salvador Puig Antich.

Despois da intervención do membro da Comisión, puxeron a nota musical a actriz e cantautora cubana Orisel Gaspar e o cantautor galego Pedro Román.

Continuando co acto falou o representante do Comité Galego do PCE (m-l), Fernando Ramos, que lembrou que “estes camaradas loitaban no seu día para que avanzara a loita popular contra o franquismo e o imperialismo, e para avanzar na construción do socialismo”.

Despois tomou a palabra Alberto Estévez, representante de Amnistía Internacional que sinalou que “fai vinte anos, Nacións Unidas aprobou unha serie de principios e directrices para restituir a persoas como Flor e a súa familia. Son principios orientados a directrices para persoas que son vítimas das manifestacións de graves delitos humáns.”

Flor Baena, irmán de Xosé Humberto, agradeceu emocionada ó apoio popular, “moi importante para a familia para axudarnos a seguir para conseguir o documento que recibimos en xuño recoñecendo que o xuízo era declarado nulo, despois de acudir a moitos tribunais, incluso a Europa, e actualmente estamos na Querela Arxentina. O importante é que o meu irmá quede na historia como un asasinado, non como un asasino, que era o que meu pai soñaba.” Celebrouse tamén que a Universidade de Santiago de Compostela anunciara que nomeará unha aula da Facultade de Filosofía, co nome de Xosé Humberto Baena, que foi alumno da mesma, como unha forma de dar a coñecer a súa historia e a súa loita para as xeracións próximas. Flor engadiu que “a xente moza non ten nin idea do que pasou. Agardo que grazas a este tipo de iniciativas se saiba e que se chegue a poñer nos libros de texto para que toda a xente coñeza o que pasou este ano.”

A violinista Laura Quintillán foi a encargada de dar punto final acto, tocando o Himno Galego e a Internacional, que foron coreadas polo público asistente, e rematando co Himno de Riego.

nuevarevolucion.es

 

Contactar con La Haine

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal